miércoles, 25 de enero de 2012

PEI SANG NG

A que de todos os usos que se lle poden dar a unha caixa chea de mistos, xamais se vos pasou polo maxín este??? Pois a Pei Sang Ng, un artistas chinés, ocorréuselle xuntar unha morea de fósforos (ata 2.500 nalgunha peza) para facer estas marabillosas instalacións.

Normalmente utiliza a cor vermella nas súas obras porque esta é unha cor afortunada na súa cultura que contrapón coa peligrosidade que evocan os mistos. Visualmente son obras moi sinxelas, fráxiles, coa acumulación como "leit motiv". A tipografía e os debuxos semellan un tanto pixelizados.

Unha obra merecedora de ser coñecida. Desfrutádea!



















jueves, 12 de enero de 2012

ISAAC DÍAZ PARDO - SARGADELOS



vía


Aproveito que teño a oportunidade de adicarlle uns intres o meu blog, chámame constantemente a berros (e teño que facer como que non o sinto), para desexarvos un maravilloso ano 2012. Aínda estou a tempo ¿non si?. E tamén para dicirvos que vos estraño moito.


A entrada de hoxe é absolutamente necesaria por tratarse este, dun blog para unha aula de Plástica, que pretende dar a coñecer contidos relacionados co deseño, a escultura, a pintura, en definitiva, a arte e a cultura, e ademais está feito en Galicia. Nestes momentos de crise, de valores perdidos onde trunfan os mediocres, temos que lembrar e ter como referentes a persoas de verdade, comprometidas e perseverantes como a que hoxe nos ocupa: Isaac Díaz Pardo.

Esta é unha homenaxe a un home que se nos foi cando despuntaba o ano, que sentía auténtica fachenda de ser de onde era e que cría nas posibilidade da cultura, da arte e a industria do seu pobo. Haberá poucos galegos que non sentiran unha gran mágoa ó saber do pasamento de Isaac Díaz Pardo, e que, a semana pasada sentíamos, de súpeto, un pouco orfos ou coa tristura de perder ó avó.

Era un personaxe entrañable, retranqueiro, cunha mirada e conversa espertas ata a fin, tenro, cuns ideais claros, un romántico con valores profundos e grandes paixóns, auténticas rarezas nestes intres. Foi un un empresario que valoraba a creatividades e a ética por riba dos negocios, que converteu as ricas arxilas galegas en innovadoras pezas de porcelana decoradas, dende as máis tradicionais ás máis vangardistas. Sempre fomentando, investigando, conservando e loitando polo noso patrimonio.

Foi pintor, escultor, ceramista, (aínda que curiosamente, coa modestia que lle caracterizaba, el dicía que fracasou en todas as súas facetas), tamén un dos pioneiros na investigación sobre deseño industrial. Promoveu unha nova editorial e recompilou abundante documentación sobre outros intelectuais galegos cos qe compartiu ideais, proxectos e moitas veces unha fonda amizade. Os derradeiros anos da vida de Díaz Pardo foron unha loita constante para garantir o futuro do importante legado cultural e artístico que quería deixar a Galicia.

Desgrazadamente o destino do seu legado e os últimos anos deste visionario excepcional estiveron misturados con agres polémicas que o afastaron do consello administrador de Sargadelos, o seu proxecto vital, e ata os seus propios fillos non chegaron a entender certas decisións como a cesión do seu patrimonio á Cidade da Cultura.

O deseño de Sargadelos é inconfundible. As cores azul e branca, salferidas en ocasións con vermellos ou marróns, en distintos motivos xeométricos, fan que calquera recoñeza a procedencia da multitude de pezas que saen desta factoría. Aínda que esto non sempre foi así xa que a primeira etapa dos deseños de Sargadelos era completamente diferente.

Para esta entrada eu elixín algunha das pezas que máis me gustan, coas que querería compartir o meu espazo, coma os xogos de café, ou moi sobrios ou con simpáticos cornos, así como aquelas colaboracións con outras empresas ou deseñadores que me resultan curiosas e estéticamente inmellorables.

Desfrutemos, entón, do noso deseño. Ata sempre, Isaac!



Xarrón deseñado por Ailanto